Son moitos os fotógrafos e amigos que inmortalizaron a Picasso ao longo da súa vida: desde Jean Cocteau ata Man Ray, de Brassaï a Henri Cartier-Bresson, de Richard Avedon a Cecil Beaton, e de Robert Doisneau a Irving Penn, ademais de moitos outros. Case todos fixeron historia na fotografía e, nalgúns casos, na historia da arte, da literatura e das costumes do século XX. Con todo, moi poucos tiveron o privilexio de poder compartir a esfera privada do artista. Entre eles, destacan Edward Quinn e André Villers, que o acompañaron ata o final da súa vida.
EDWARD QUINN
Edward Quinn naceu en Dublín en 1920. Despois de rematar os seus estudos, exerceu varias profesións. Dedicouse á música, tocando a guitarra e outros instrumentos, e presentábase en público como cantante. Posteriormente, comezou a practicar a fotografía. En 1950, publicou a súa primeira fotografía no Irish Independent. Máis tarde, trasladouse á Costa Azul, epicentro da vida social daqueles anos. Como enviado de Paris Match, fotografou grandes estrelas, directores, intelectuais e mitos da época: Charlie Chaplin, Orson Welles, Alfred Hitchcock, Jean Cocteau, Henri-Georges Clouzot, Gary Cooper, Burt Lancaster, Luchino Visconti, Frank Sinatra, Spencer Tracy, Sophia Loren, Brigitte Bardot, Kirk Douglas, Grace Kelly, Gregory Peck, Audrey Hepburn, Aristóteles Onassis, Winston Churchill ou John F. Kennedy, por citar só algúns.
Quinn non era só un “paparazzo” que reflectía fielmente o esplendor e o hedonismo da idade de ouro da Costa Azul. Observador atento, tamén describía o seco realismo urbano nas súas vistas e paisaxes irlandesas, que exploraba con gran mestría e talento.
Retratou a realidade dos xitanos e romanís que peregrinaban ás Bocas do Ródano en Les Saintes Maries de la Mer, fotografando as súas festas, danzas e rituais, e conseguindo captar a complexidade, profundidade e poesía da súa cultura, mesmo na esencialidade e sinxeleza do día a día. Doutra banda, dedicouse a retratar artistas do calibre de Hans Hartung, Francis Bacon, Salvador Dalí, Max Ernst, Alexander Calder, Graham Sutherland ou Georg Baselitz.
Coñeceu a Picasso en 1951 en Vallauris, nunha das primeiras exposicións de cerámica organizadas alí. As circunstancias foron pintorescas e definen perfectamente a empatía que xurdiu entre ambos. Despois dun reportaxe fotográfico, Quinn gañouse a estima de Picasso pola súa valía, discreción e reserva, así como pola súa peculiar maneira de traballar: natural e espontánea, sen luces artificiais, sen trípode e sen necesidade de que Picasso posase.
Durante o verán de 1955, comezou a rodaxe de Le Mystère Picasso de Henri-Georges Clouzot nos estudios de La Victorine, en Niza. Edward Quinn fotografou algunhas escenas da rodaxe, e Villers tamén tomou algunhas fotografías do proceso. Ao longo da filmación, Picasso pintou dúas obras tituladas Baigneurs e La Garoupe.
Quinn escribiu The Private Picasso: A Photographic Study, participou no libro Picasso at Work, con textos de Roland Penrose, e creou o documental Picasso: The Man and His Work.
Morreu en 1997 en Altendorf, Suíza, onde se retirara en 1992 debido ao seu delicado estado de saúde.
ANDRÉ VILLERS
Pola súa banda, André Villers naceu en Beaucourt, Francia, en 1930. Aos 17 anos, contraeu unha grave forma de tuberculose ósea e foi ingresado nunha clínica de Vallauris. Inmobilizado na cama durante uns cinco anos debido á enfermidade, escoitaba música jazz e desenvolveu unha profunda paixón pola fotografía, que aprendeu a practicar, afondando no uso da cámara escura. A súa gran determinación e vontade de superar as barreiras físicas permitíronlle ao novo André, a través dun arduo e complexo proceso de rehabilitación, superar as súas dificultos físicas, case extremas.
No ano 1953, paseando polas rúas de Vallauris, atopouse por casualidade con Picasso e fíxolle unha fotografía. Máis tarde, sería o propio Picasso quen lle regalaría a súa primeira cámara fotográfica, a lexendaria cámara alemá Rolleiflex. Así, iniciaría unha amizade e unha colaboración que perdurarían ata a morte do pintor en 1973.
Comezaron a traballar xuntos, activando unha procura común mediante unha experimentación que fusiona pintura e fotografía. Nace así unha síntese orixinal entre as dúas artes, que transcende os seus respectivos límites e abre novos horizontes. Replantexan o cubismo cincuenta anos despois, xerando o “cubismo fotográfico”. Exploran novas técnicas de revelado e impresión cos traballos de Picasso, chegando a unha fusión completa entre fotografía e pintura, superada pola produción dunha forma de arte autónoma e independente, que reúne medios e instrumentos distintos.
Crean, nunha harmonía singular, centos de imaxes e fotocollages. En 1962, trinta destas imaxes, as “interpretacións fotográficas” de Villers dos cut-outs e overlays de Picasso, foron seleccionadas para o libro Diurnes con textos de Jacques Prévert, publicado polo gran marchante e coleccionista alemán Heinz Berggruen. Villers foi autor de libros imprescindibles de imaxes do artista como Portrait de Picasso (1959), Picasso à Vallauris (1987) e Picasso dans l’oeil de Villers (1990).
A súa obra fotográfica testemuña e documenta o proxecto artístico completo, o traballo e a vida do Mestre dunha maneira tan única como extraordinaria. Morreu en Mougins, Francia, en 2016.
Edward Quinn e André Villers conseguiron obter a confianza do pintor e capturar así a súa cotidianidade. Grazas á sensibilidade técnico-artística dos dous fotógrafos, pódese percorrer a última parte da historia de vida do pintor, desde diferentes enfoques e perspectivas.
En definitiva, as fotografías que forman parte desta exposición ofrecen a posibilidade de curiosear na súa intimidade, revelando o home que está detrás do artista. Un home rico en paixóns e cualidades, pero tamén cheo de manías e obsesións, como a das máscaras que o artista se quita e se pon nalgunhas destas excelentes series fotográficas.